lunes, 31 de diciembre de 2007

Adega fai un balance ambiental do 2007

noticiasgalicia.- Co ano que remata, ADEGA fixo balance do acontecido no 2007 dende unha perspectiva ambiental, repasando os avances e dando conta das eivas e cuestións pendentes para o medio ambiente de Galicia. As mobilizacións contra as matanzas de raposos, as reaccións contra o plano acuícola, o urbanismo depredador, as canteiras, a contaminación do aire e a auga, a ameaza do cambio climático... Non faltaron desfeitas e amezas ambientais, hai aínda moitas cuestións pendentes, pero tamén razóns para a esperanza: a sociedade está a reaccionar tomando a rúa para defender a terra fronte á inercia das administracións.
A organización ecoloxista recoñeceu que é precisamentre este feito, a crecente concienciación social fronte ás desfeitas ecolóxicas e a conseguinte toma do protagonismo nas reivindicacións ambientais, o que move a ADEGA a contemplar con certa esperanza un ano, o 2008, que será chave en moitos aspeitos. Persisten vellas ameazas como as minicentrais e os parques eólicos, herdanza de vellas políticas que non se foi quen de desactivar. Outras, como as macropiscifatorías do novo Plano Acuícola e as canteiras perpetúan modelos de desenvolvemento caducos e insustentábeis, de costas aos nosos recursos naturais e aos intereses da cidadanía. Persiste o acoso e derrubo á Rede Natura, cuxa protección está aínda lonxe de ter ser efectiva e, ao igual que o lobo, esmorece lentamente... Ao carón destes, hai tamén novos reptos ambientais, que da man do cambio climático van transformar fondamente a natureza, a economía e a sociedade do país nos vindeiros decenios. Que os custos e as consecuencias deste fenómeno sexan máis ou menos traumáticos, depende de nós: se non tomamos máis en serio o cambio climático o mito da Galicia verde, país dos mil ríos e inesgotábeis recursos, ten os anos contados.
ADEGA fai fincapé nas amezas que supoñen os "campionatos" de caza de raposos e as matanzas de pombiños que abriron o ano, a emerxencia do buque Ostedijk que puxo novamente de manifesto o lonxe que estamos aínda de ver as nosas costas libres da ameaza da contaminación mariña e o novo Plano Galego de Residuos para o 2008.
O 2008 será tamén un ano chave para definir o futuro da Rede Natura 2000 e os nosos espazos protexidos. Novos parques eólicos en LICs (Brañas de Xestoso, Costa da Morte), ducias de minicentrais (algunhas tan delirantes coma a de Iberdrola nos canóns do Sil ou a da Hermida, no Umia), máis canteiras no Courel (A Campa), concentracións parcelarias (Vilatuxe, no Candán)... son exemplo de que o acoso e derrubo dos espazos naturais protexidos continúa. Unha lexislación que non se aplica ou chega tarde (Directiva de Hábitats, PORNs, Lei da Paisaxe, novo Plano Eólico e Hidroeléctrico, Plano Director do Litoral, etc.) é unha lexislación inútil. E unha administración que tarda en reaccionar ou mira para outro lado merece a mesma cualificación. Agardemos o 2007 sexa o último no que os galegos/as paguemos as hipotecas ambientais herdadas da anterior Xunta e vexamos no 2008 un xiro decidido nas políticas conservacionistas.

No hay comentarios: