domingo, 6 de septiembre de 2009

Unha homenaxe para Maruxa Boga

tomado de Apertas ao lonxe
por Debora Campos


Triste o destino dalgunhas homenaxes. Pode que da meirande parte delas. Triste o destino desas homenaxes que chegan tarde, que veñen para compensar con flores os menosprezos de moito tempo, que veñen encher con verbas agarimosas e xustas as dores doutras palabras ferintes.

Fai algúns días, a pedido do presidente Emilio Pérez Touriño, a Delegación da Xunta en Bos Aires organizou un acto para imprimirlle o nome de Maruxa Boga ao salón principal desa case-que-embaixada galega na Arxentina. Dende logo, a convidada central do acto foi a propia actriz e xornalista Maruxa Boga.

Nada na Arxentina no ano 1915 filla de galegos, Maruxa Boga lembrou que aprendeu a lingua dos seus porque foi arrolada en galego dende o berce. Lembrou, e non facía falta, que sempre amou e que ainda ama a Galiza e tivo recordos emotivos -cunha memoria envexable- dos seus compañeiros, amigos e ointes ao longo dos 45 anos que protagonizou o programa de radio Recordando a Galicia.

Todos os asistentes puideron ver as fotografías da propia Maruxa Boga nos tempos da audición. Sempre sorridente e sempre rodeada de homes. Sempre a única muller entre eles. Tamén, todos os asistentes puideron vela chegar á Delegación, vestida cun traxe floreado e uns lúcidos 92 anos. Aplausos e mais aplausos acompañaron o seu camiñar paseniño, esforzado, ata o centro das olladas e das louvanzas. E logo, no remate e coma nunha procesión, todos puideron achegarse onda ela e deixar noraboas, apertas e bicos…








Maruxa en la inaguración del salón con su nombre


Triste o destino dalgunhas homenaxes. Pode que da meirande parte delas. Ben o sabía Maruxa Boga cando os amigos da Fundación Xeito Novo a convidaron a protagonizar esta, a súa homenaxe, merecida homenaxe. Conta alguén que a coñece ben e dende fai moitas décadas, que non quería ir. Laiábase da hipocrecía destas cousas, lembraba con precisión os desprezos e os ataques, tremía imaxinando as apertas mentireiras e repugnantes deses mesmos que a combatiron por roxa, por republicana, por concubina, por indómita, por meterse en cousas de homes, por dicir o que non debía, por dicilo na lingua que non se debía, por estar do lado dos perdedores e dos fuxidos.

Triste o destino dalgunhas homenaxes. Pode que da meirande parte delas. Triste porque chegan tarde, porque louvan cousas dun pasado que son as mesmas que non aturan neste presente. Triste porque -ainda que con xustiza, merecidas homenaxes- esa dilación descubre que o que buscan non é salientar a memoria do homenaxeado e os seus compromisos senón ponderar aos que organizan a homenaxe.

Apertas ao lonxe…