martes, 28 de abril de 2009

OS DEREITOS HUMANOS NO V CURSO DE PRIMAVERA DA USC

O V Curso de Primavera da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo analizará entre os vindeiros días 4 e 8 de maio a situación dos dereitos humanos desde unha perspectiva múltiple, nunha iniciativa enmarcada no programa de actividades de Lugo Cultural.

Este curso, que se celebra por quinto ano consecutivo, pretende invitar á reflexión sobre o estudo dos dereitos humanos, desde diferentes áreas de coñecemento, para dar unha perspectiva plural. Así, abordarase a súa situación presente e as perspectivas de futuro na súa relación con outros ámbitos que están de actualidade, como a liberdade de expresión nos medios de comunicación, as mulleres, os inmigrantes ou a relación do mundo da escola cos dereitos lingüísticos, entre outros.

Asistirán ao encontro deste ano numerosos expertos en ética, política, filosofía e filoloxía, "para reflectir a variedade da nosa facultade e dar así unha perspectiva enriquecedora", explicou Carmen Silva, unha das organizadoras do Curso durante a súa presentación este martes en rolda de prensa. Ademais da presenza de Gregorio Peces-Barba, un dos pais da Constitución, Silva destacou tamén a de Alonso Montero e Darío Villanueva. Por outra banda, "teremos unha mesa redonda totalmente vivencial, onde se abordarán casos de colectivos aos que se lles vulneraron os seus dereitos", indicou.

Dentro desta idea de pluralidade, o curso inclúe diferentes modos de presentación, de xeito que non "serán soamente exposicións orais, senón que haberá proxeccións cinematográficas e tamén música", asegurou Silva.

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, destacou a relevancia desta oportunidade de "facer unha reflexión sobre unha temática que precisa dunha reinterpretación da sociedade na que hoxe vivimos" e salientou que este era un dos cursos máis exitosos do Campus lugués, "con preto de douscentos participantes habitualmente". Neste acto estivo presente a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

Programa

O programa destas xornadas, que conta con dezaseis conferencias e varias actividades culturais, presentarase o luns 4 nun acto inaugural que terá lugar na Escola de Formación de Profesorado de Lugo, ás 19:00 horas, e que correrá a cargo de Xesús Alonso Montero, quen disertará sobre o problema dos dereitos humanos en dez cartas de republicanos galegos condenados a morte.

martes 5

10:00 horas María Xesús Lobeiras falará sobre a liberdade de expresión como condición transcendental da verdade profesora Pilar Encinar, que analizará os dereitos humanos a medio camiño entre a utopía e o fracaso, e da profesora da Escola Universitaria de Formación do Profesorado Beatriz Fernández, que centrará a súa exposición na educación e a cidadanía global. 12:00 profesor Luís García e Elena Freire, que analizarán os dereitos humanos como unha lei común e os dereitos culturais, respectivamente. 18:00 horas Darío Villanueva cun relatorio titulado 'Voces e visións de El Quijote'.

mércores 6

10:00 horas Gregorio Peces-Barba 'Dereitos humanos como concepto histórico'. Alba Nogueira 'Lingua e dereito. Teñen dereitos as linguas e/ou os falantes?', á que lle seguirá Cristina Caruncho para falar sobre ética, xénero e medios de comunicación.

16:00 horas, Antonio Doval abrirá a sesión da tarde para analizar os dereitos humanos en relación coa pobreza e a axuda ao desenvolvemento'. Montero Reguera e Gaetan Cyrille. Para rematar a xornada, un representante de Unicef abordará a cuestión dos dereitos da infancia e a acción humanitaria.

xoves 7

10:00 horas profesor Xesús Varela Zapata 'A fantasía de Gulliver como reivindicación da tolerancia'. María Xesús Nogueira A defensa dos dereitos humanos na poesía de Celso Emilio Ferreiro. profesora Esperanza Guisán o dereito á educación moral. profesores Joaquín Rodríguez e Xavier Etxeberria analizarán os dereitos humanos desde a perspectiva lexislativa. Carlos Fernández, de Amnistía Internacional en Lugo, pechará o programa do día co relatorio ' Dereitos humanos no século XXI'.

Venres 8

No último día do Curso de Primavera está prevista unha mesa redonda baixo o epígrafe 'Historias reais sobre dereitos humanos' na que intervirán Cristina Vlad, Claudia Laos, Moncho Iglesias, Víctor Omgbá e Rasim Maslic.

No hay comentarios: